Saturday 27 de April de 2024

O Concello reclámalle 14,1 millóns de euros á concesionaria da Planta de Nostián polo sobrecusto da xestión dos residuos rexeitados desde 2011


A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión ordinaria, aprobou a contratación do servizo de xestión das Bolsas USA 2024-2025

Tamén deu luz verde á concesión da licenza para a construción de 3 edificios no sector 6 de Eirís, cun cento de vivendas e 5,7 millóns de euros de investimento

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou iniciar os trámites para a reclamación de 14,1 millóns de euros á UTE Albada, empresa concesionaria da Planta de Residuos de Nostián. A cantidade correspondente ao sobrecusto asumido por este Concello pola xestión dos residuos desde 2011, para os que o Concello só debería ter pagado 1,5 millóns dos 15,7 totais que finalmente se aboaron ata o 2018. “Trátase dun procemento longo e complexo no que este Concello leva anos traballando tanto no ámbito administrativo como no xudicial” explicou a alcaldesa.

Rey lembrou que no pasado mandato o Tribunal Superior de Xustiza emitiu unha sentenza que confirmaba que o custo do tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria e non polo Concello da Coruña. “Por iso, para reclamar as cantidades indebidamente cobradas, iniciamos agora o procedemento administrativo, sabendo que non é un tema que se solventará nun curto prazo pero que esixe continuar dando pasos para a súa solución” sinalou.

O Goberno de Inés Rey está avanzando no deseño do novo modelo de xestión de Nostián.
A pasada semana, o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, trasladoulle á Xunta de Galicia o acordo coa empresa para o selado dos vasos, que asumirá a concesionaria.
Ademais, xa se mantiveron dúas reunións dos concellos da área co obxectivo de ir definindo o modelo de forma conxunta. “Porémolo en marcha este mandato tal e como nos comprometemos e o noso obxectivo é o de poder definir a licitación do novo contrato a finais deste ano ou a inicos do 2024” concluíu a alcaldesa.

Bolsas USA 2024-2025

O Goberno local autorizou a licitación do programa educativo municipal coñecido como Bolsas USA para o próximo curso 2024-2025 que permitirá dispoñer dun mínimo de 35 bolsas para cursar 1º de Bacharelato en Estados Unidos e que conta cun orzamento de case 650.000 euros. “Son centos os mozos e mozas desta cidade que grazas a esta bolsa non só aprenderon un idioma, senón que gozaron dunha experiencia vital única e melloraron a súa formación coñecendo outros sistemas educativos” lembrou Rey.

Este ano o Concello mellorou a achega municipal para que o alumnado que participe no programa dispoña de cartos de peto, axudando a sufragar ás familias a viaxe a Madrid, lugar desde onde parte a expedición e que era asumido por elas.

Servizo de asistencia e control técnico de dependencias municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a saída a contratación dun servizo de asistencia e control técnico en dependencias municipais que conta cun orzamento de 551.422,26 euros anuais. Trátase da contratación dun servizo que ten como obxectivo mellorar o coñecemento do estado de conservación e mantementos dos edificios e dependencias municipais.

Entre os traballos recóllense a elaboración de documentos de control de edificacións, asistencia técnica para o seguimento das empresas de mantemento e outros traballos de carácter técnico que nos permitirá ter un mellor control do estado de mantemento e necesidades das diferentes instalacións. Terá unha duración de dous anos prorrogables anualmente por tres anos máis.